Sunday 28 de April de 2024

Alternativa propón a Autoestradas que constrúa un paso peonil a carón do túnel de San Paio


Juan Fariña estima que a solución proposta sería relativamente sinxela de executar e tecnicamente factible.

Alternativa proporá ao resto de grupos da corporación municipal, no pleno que se celebra o vindeiro día 26, dar traslado a Autoestradas da solicitude para que se deseñe e se execute unha solución de paso peonil por un lateral do túnel existente en San Paio (DP0810), para evitar o tránsito dos viandantes pola calzada, evitando así o grave risco para a seguridade da persoas. Esta circunstancia non é nova, nin moito menos, como ben saben (sobre todo) os residentes da zona. Agora ben, que este problema forme parte do cotián (dende que existe o túnel) non debe impedirnos -en modo algún- tentar buscar unha solución (ou demandala a quen corresponda) que reduza o enorme risco que supón para os viandantes ter que cruzar un túnel carente dun mínimo paso seguro para as persoas. Por outra parte, dende o departamento de Infraestructuras, Urbanismo e Medio Ambiente que dirixe Juan Fariña, está previsto, proximamente, contratar a reforma do alumeado do túnel para que ilumine o paso tamén durante o día.
Non esquecemos, faltaría máis, aquilo que acapara todas as miradas e os desvelos da xente de ben en San Paio, o eterno problema do estreitamento da vía á altura de “Villa Julia”. Mais que ese problema cronificado non nos impida ver outros graves perigos na mesma vía, máxime cando o recalcitrante propietario de “Villa Julia” soe empregar o argumento do ancho do túnel e os perigos de cruzalo a pé como escusa para amparar a súa propia cerrazón e egoísmo de señorito decimonónico.